miércoles, 28 de noviembre de 2007

CARTA "EQUIPO GOBERNO CONCELLO DE MELIDE".

Xavier Pazo Blanco, en calidade de presidente, quere manisfestar a satisfacción dos que compoñemos a xunta directiva desta asociación, e por extensión de toda a asociación, ante o anuncio da postura que tomou o goberno municipal perante o desastre ecolóxico acontecido no río Catasol.
Consideramos que as nosas expectativas (expresadas na proposta de moción que presentamos ao Concello o 24 de setembro de 2007) están satisfeitas co compromiso feito público polo responsábel de Medio Ambiente o pasado 21 de novembro, con motivo da exposición fotográfica sobre o desastre do río Catasol, realizada por esta Asociación no Multiusos de Melide.
Nese compromiso, explicitado polo 1º Tenente de Alcaldesa, recóllense as nosas arelas máis importantes:
  1. - Persoarse na causa que se instrúe con motivo de tal desastre.
  2. - Poñer en marcha todas aquelas medidas de información, asesoramento e control que eviten este tipo de agresións ao Medio Ambiente.

Recoñecemos a postura ética dos responsábeis municipais por teren tomado esta decisión, xa que somos conscientes de que este tipo de medidas redundarán na mellora da calidade de vida no Concello de Melide e tamén mellorarán o concepto que os/as melidenses teñan do labor político, que debe ter, entre os seus obxectivos prioritarios, a procura do benestar e a proteción dos bens públicos.

Atentamente

Xabier Pazo Melide 23 de novembro de 2007

Entrada Concello de Melide 26 NOV 2007 Rexistro nº 3697

"En Suevia ha ser primavera..."

"OCONCELLO DE MELIDE VAISE PRESENTAR COMO ACUSACIÓN PARTICULAR, "sabemos que a moitos non lles vai gustar, pero non podemos seguir permitindo actos así".
Probablemente sexa certa esta afirmación. Probablemente manifeste temores atávicos. Porén vides de dar un gran paso: estades a abrir as portas da Casa do Concello.
Cuando unha era unha pícara e percorría as rúas de Melide naquelas inagotables batalhas entre a Alóndiga (matavilha desfeita por aquela dereita indefiníbel...) e San Roque, entre o Cruceiro e o Castelo...digo que cuando percorríamos as rúas, nese fragor da batalha sempre achábamos um aquel para parar e olhar para as chaminés para procurar a dirección do vento... "Ven do Bocelo... Ven do Bocelo... e nevaba". Ledicia.
Do norte nunca veu nada malo para os melidáns. Do norte, do Bocelo, ven o Furelos. E brinca libre, orgulhoso.. E recréase na fervenza e recibe cos seus brazos abertos aqueloutros que lhe aportan sabedoría e vida. Do norte ven o Catasol... do norte ven o ar cando remata o San Roque e anuncia un tempo de repouso.
Mereceu a pena agardar tantos anos... síntome orgulhosa de ter un goberno municipal que se pon ao fornte da súa vila cargado de razóns.
"Sabemos que a moitos non lles vai gustar", certo.
Tamén sabemos que a moitísimos máis si lles vai gustar: aos meus pais que nos levaban a Ponte Vella a nos bañar e merendar en seráns prenhados de felicidade. Aos meus netos porque de certo que van recibir un río mellor. Aos vecinhos e vecinhas que sabemos que se ven de pór umha primeira pedra para nos poder volver banhar na Tosta... a contorna do río... Aos esquíos bricadeiros entre os amieiros... Aos namorados que recuperan á ribeira logo de estar aramada...
A velha troita asomou, máis umha vez, cun brinco rebelde e liscou río abaixo, na procura de augas máis profundas...No seu percorrido, xuráronme varios vecinhos, ía alegremente decíndolhes aos ribeiráns que a querías escoitar "en Suevia ha ser primavera"... "en suevia ha ser primavera"...
Sra Alcaldesa Socorro Cea, sr. Tte. de Alcaldesa Manuel Prado Puga vides de pór o primeiro caravel.
Grazas.

Exeria Branco

Para Asoc. Troiteiros Río Furelos.
23/11/2007 recibido 23:22 H

jueves, 22 de noviembre de 2007

Exposición-Charla desastre Río Catasol

Na charla informativa de exposición da Campaña de Defensa do Medio ambiente iniciada o 21 novembro podense ver 25 carteis con máis de 200 fotos nas que se recolle dende o inicio do verquido no río Catasol o pasado 11 de setembro,os efectos da contaminación ate cando aparecen as primeiras troitas mortas e a visitas das autoridades do Concello de Melide e o delegado de Medio Ambiente Manuel Tages o foco contaminante. Os representantes políticos do Concello de Melide "BNG, PSdeG-PSOE e PP", Asociacións e demáis veciños que se acercaron a vela mostraron a sua sorpresa polas imaxes mostradas e expresarón a súa repulsa a estes actos; tamén recoñeceron todo o traballo levado a cabo pola asociación de Troiteiros.
O presidente Xabier Pazo, fixo unha pequena introducción decindo todo o traballo feito pola Asociación e declarou que entre todos temos que evitar estes desastres, pídelle a administración que tome cartas no asunto e que poña medios para así evitalos, e aos propietarios das explotacións que cumplan a lei e a normativa, ¡ xa é hora de tomar medidas!. Tamén lembrou pasados verquidos nos ríos Furelos, Pambre, Ulla,Cabrón, Xallas...
Xan Pérez, vocal de Medio Ambiente da Asociación de Troiteiros, toma a palabra e dí que todos somos culpables senón facemos nada para impedílos. Pídelles os políticos que nos representan que sexan valentes e que escomencen a poñer solucións, non se pode andar decindo "e que aqueles non fan nada, cando aqueles somos nós".
Durante o transcurso da charla o Primeiro Tenente de Alcaldesa Manuel Prado Puga, mostra o agradecemento do Concello de Melide o labor feito pola Asociación e, comunica como primicia que o CONCELLO DE MELIDE VAISE PRESENTAR COMO ACUSACIÓN PARTÍCULAR, sabemos que a moitos non lles vai gustar, pero non podemos seguir permitindo actos así.
A exposición estará aberta o público en horarios de maña e tarde ate o día 30 no Multiusos, saíndo as rúas de Melide os próximos días 24 e 25 para posteriormente seguir con ela polos colexios de ensino.
Xan Perez e Xabier Pazo agradecen a todolos visitantes a súa asistencia.

martes, 20 de noviembre de 2007

CAMPAÑA DEFENSA MEDIO AMBIENTE. " DESASTRE RÍO CATASOL"

Este mércores día 21 escomenzamos unha campaña de DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE, realizando no Multiusos de Melide unha exposición fotográfica, acompañada dunha charla-debate e da exposición audiovisual do desastre do río Catasol ocurrido o pasado día 11 de setembro.
Como todos sabemos o río Catasol sufriu unha agresión contaminante que, tendo en conta as consecuencias inmediatas para a flora e fauna fluvial, os medios de comunicación non dubidaron en cualificar de "desastre ecolóxico". Durante varios días voluntarios da Asociación e membros da garderia de Medio Ambiente estiveron recollendo e catalogando as troitas (medíndoas e contándoas unha por unha 4.195) e demais animais envelenados (miñocas, ras, tritóns, vertebrados, macroinvertebrados...), a Administración púxoxe en funcionamento e os medios de comunicación trasladaron o acontecido á opinión pública. Neste caso, só fica que fale a xustiza.
Non obstante, nós queremos facer esta crónica fotográfica dos feitos como apelación á conciencia colectiva a fin de crear un estado de opinión na sociedade melidense que poña en valor o noso medio natural, para erradicar calquera tipo de comportamento daniño na natureza.
Unha sociedade avanzada, non só se debe medir polo nivel de vida dos seus compoñentes, senón tamén polo respecto ao medio natural. O progreso non é tal se non é sustentábel. Nada teremos progresado se aos nosos fillos e netos en vez de ríos lles deixamos cloacas.
Decir tamén que sacaremos a exposición as rúas de Melide os días 24 e 25 e que terá continuidade nos colexios de ensino e instituto, para que os escolares realicen os traballos pertinentes e así entre todos poder evitar estes desastres.
A A sociación de Troiteiros "Río Furelos" agradece a colaboración desinteresada prestada a tal fin por persoas e colectivos, e a todos os que se acheguen a ver esta exposición.
GRAZAS.
http://www.riofurelos.com/
http://www.riofurelos.es/
asociaciontroiteiros@gmail.com
696607348

viernes, 16 de noviembre de 2007

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

Medio ambiente abre dous expedientes contra Ferroatlántica, que podería ser multada con 600.000 € polo baleirado do encoro do Xallas. (GZnación/Redacción/16 Nov 07).

A apertura de dous expedientes sancionadores e a posibilidade dunha multa económica son as accións que ven de presentar a Consellería de Medio Ambiente contra Ferroatlántica, empresa encargada de xestionar o encoro do Xallas, e responsabél da morte de milleiros de peixes a pasada semana.
Así o comunicou o titular desta consellería, Manuel Vázquez, en rolda de prensa, quen cualificou de "pésima" a xestión que esta empresa estaba a desenvolver no encoro, cuxa mala administración é para o conselleiro única en galiza, xa que "no resto dos encoros galegos non se están a producir problemas nos ecosistemas fluviais".
Un dos dous expedientes foi aberto pola Dirección xeral de Conservación da Natureza, que conlevaría unha sanción moi grave por incumplimento da Lei de Pesca Fluvial de Galiza. Este tipo de infracción suporía unha multa de entre 60.000 e 300.000 euros. O segundo, aberto por Augas de Galiza pola mala xestión do encoro e a realización de obras no mesmo sen dispor dos permisos pertinentes.
Unha catástrofe por desobediencia
Respecto ao sucedido no río Xallas entre o 9 e o 10 de novembro, o conselleiro de Medio Ambiente salientou que un día antes de que se producise o baleirado, axentes de conservación da natureza advertiron ao operador do encoro da Fervenza que debían reducir o caudal ecolóxico ante o baixo nivel que presentaba o embalse; un aviso do que a empresa fixo caso omiso.
Estes mesmos axentes constataron tamén que se estaban a facer obras sen permiso dentro do embalse, cando xa fora baleirado.

SUMA E SEGUE...

EXERIA BRANCO
13/11/2007
23:58 H.
Suma e segue.. agora tocou no embalse da Fervenza. Xa perdimos a conta ! Isto é o resultado da desidia de décadas de desinterese polos nosos ríos. Desidia que continuou cos distintos gobernos das distintas institucións na democracia.
Porén a resposta que está a dar a administración ven sendo, de entrada, distinta á que se observou no caso do río Catasol: o Conselheiro comparecerá no Parlamento, "a Consellería de Medio Ambiente se personará en la causa abierta en los juzgados de Corcubión contra la empresa".
Alguén debería explicar esa diferencia pois todo indica que as troitas mortas e peixes non superaron a cifra de 2000, mentres que no rio Catasol superaron as 4000.
tamén debería haber algunha voz, algún responsabel político do noso concelho, que informara a opinión pública melidá do estado da cuestión: que se fixo para tomar as medidas precisas para recuperar o rio?
Iniciouse a campaña informativa coas industrias que están na súa ribeira?...
Se cadra non sobra, máis unha vez, facer un apelo á responsabilidade cívica e radicalmente democrática dos nosos dirixentes políticos.
Os rios son as arterias polas que circula o noso devir. atreveríame a dicer que uns rios sanos e respetados son umha lingua dignificada, un respecto polo urbanismo e a súa conservación...
Será esta a derradeira catástrofe causada por mans humanas e, xa que logo, evitabel?
Na Ponte Velha do Furelos olhamos cara as súas augas e nelas reflectíase um rosto marcado pola dúbida desesperante...
Umha velha troita brincou, de súpeto, e recitoume os versos da poetisa nacional...
" que pasen as correntes apestadas
que pasen..."


Exeria Branco
Para asoc. Troiteiros Río Furelos"
13-novembro-2007

SOBRE ALGUÉN QUE É FAMOSO "DESDE HAI ANOS..."

MARTINHO.PESCADOR
13-novembro-2007
01:16 minutos
A palabra difamación é igual a disfamación, é decir é o proceso mediante o cal se logra desacreditar gravemente a boa fama dunha persoa. a difamación propiamente dita é ese falar mal de alguén para desposuílo da súa boa fama.
E a difamación non se xustifica aínda que o que se diga del sexa exacto, xa que se non é sabido por aqueles aos que se dirixe o discurso difamador, mantense a súa boa fama. Pois mentres non se teña noticia do malo de alguén, a súa fama se mantén.
Non se difama ao "famoso", senón a quen ten "boa fama".
As accións dereivadas da envexa son: a crítica inxusta e a difamación.
Sábese que o verdadeiro obxecto da envexa, non é o ben que outro posúa (se o envexoso o pusuíse non por iso deixaría de envexar ao mesmo que agora envexa), senón o modo de ser do envexado. Xa que é ese modo de ser o que de capacita para poder conseguir os seus logros. O que trata o envexoso é de converter ao envexado, de admirable e estimado, en inadmisible e odioso.
Non se trata simplemente de que o envexoso se anoxe polo ben que o outro posúa senón que sente que con el se comete unha inxustiza, porque precisamente ese ben, ese éxito debe ser seu. O que o outro posúa ese ben se considera, polo envexoso, causa de que el non o posúa. A tristeza polo ben alleo é unha consecuencia da envexa.
O ben envexado adquire categoría simbólica. Constitúe, en efecto, o símbolo, algo así como o emblema dos atributos positivamente valiosos da persoa envexada. Adóitase sentir envexa daquel que logrou a súa fortuna por un proceso que suscita admiración de moitos e que, por conseguinte, leva a atribución dun trazo positivo á súa identidade, un elevado realce da imaxe de si mesmo ante os demais.
Non se envexa pois o ben, senón a aquel que o logrou.
O envexoso murmura constantemente "Podo perdoarcho todo, menos que sexas o que es. Que eu non sexa ti".
Sempre que alguén atopa noutras acodes aspectos salientadores de prestixio aparece o dinamismo da envexa. O envexoso busca a destrución do envexado, especialmente a destrución da súa imaxe.
Máis que a morte física do envexado, o que realmente o fai gozar, é a súa "caída en desgraza", porque iso pode significar a perda dos atributos polos que antes se lle envexaba.
Ese é o obxectivo da envexa que quede situado por baixo do envexoso.
Cando o envexado deixa de selo, en virtude da súa "caída" (xa non se ama/admira), porque deixou de ser un ideal; tampouco se lle odia, porque non lle reflicte ao envexoso aquilo que non é. Pódeselle, chegado este caso, compadecer, unha vez excedida a etapa preliminar de alegría pola desgraza allea. Nesta situación o envexoso, pode agora ata compadecelo, polo memos por algúns momentos, porque ao cabo sempre pensou que "é aí onde sempre debe permanecer".
Perante o envexoso acaban os demais por precaverse e distanciarse, na medida en que advirten a súa maldade e a súa capacidade solapada para destruir ao que envexa e, chegado o caso, a calquera outro a quen potencialmente puidese envexar. Quen garante que a envexa que agora sente cara á vítima non se volva algunha vez cara a outros, e trate, da mesma xeito de destruílos?.
A envexa é unha paixón extensiva. O envexoso acaba "por non deixar monicreque con cabeza". Xa que tamén ha de destruír a aqueles que admiran ao que el envexa, na medida en que lle fan ostensible a inutilidade do seu esforzo demoledor.
Toda interación productiva entre seres humanos está baseada na boa fe, na confianza. a confianza, é ou implica, risco. Pois con ela damos oportunidade de que se nos poida danar. Confiamos en alguén porque supomos que podemos contar coa súa lealdade. Só o seguro de si, o que se acepta a si mesmo en virtude da súa adecuada organización como suxeito e, xa que logo, non ten necesidade de envexar, se confía e pode ser á súa vez fiable interlocutor.
Nada diso refírese á conducta do envexoso. A súa deficiencia estructural nos planos psicolóxicos e morais, fanse evidentes a pesar dos seus intentos de ocultación e segredo.
O envexoso non deixará de selo polo que xa posúe; seguirá séndoo polo que carece e ha de carecer sempre, a saber; ser como o envexado.
A difamación tende, de xeito oblicuo, a socavar a boa fama global do suxeito en cuestión, non alude a un aspecto concreto polo cal o suxeito ten boa fama, ou prestixio, e ese é o caracter máis atroz da envexa.

Martinho.pescador
para Asoc. Troiteiros "Río Furelos".